venres, 17 de abril de 2020

5º ED. PRIMARIA LINGUA GALEGA


TARDE DE CINE
Aquela tarde había cine, e cando hai, o Pulga vén a buscarme; é o que pon as películas. Entramos na cabina onde está a máquina que as proxecta e eu axúdolle no seu traballo. Sempre me di que son tan bo axudándolle coas películas coma o meu avó axudándolle a pescar os polbos. Como é un velliño, sabía que el non ía querer ser mozo de Almudena, así que podía contarlle o meu problema. Foi estupendo, contoume a historia dunha serea á que lle gustaba moito o cine: —O teu avó e mais eu coñecemos unha vez unha serea de verdade. Iamos na gamela, cando un golpe de mar bateu contra o costado de babor. Como eu ía aos remos, puiden suxeitarme ben, pero o bo de Ramón non ía atento e caeu ao mar. Quixen enganchalo co raño* de coller os polbos, pero non me deu tempo e vin como ía para o fondo. Entón ocorréuseme largar a casea* das nasas para que se puidese meter dentro dunha e así sacalo do mar como se fose unha nécora.
Pero cando as subín, o teu avó non viña en ningunha delas. Pensei que xa non o ía ver nunca máis, pero de súpeto apareceu na superficie mariña da man dunha serea. Fora ela quen o salvara. Para agradecerllo, dixémoslle que nos pedise o que quixese. Pensamos que nos ía pedir peixe, pero sabes o que nos pediu? —Se cadra quería un flan, a min gústanme moito os flans que fai mamá. —Seguro que á serea tamén lle gustarían moito, pero pediunos outra cousa. Non sei como, pero sabía que eu era o que poñía o cine en Muxía, e pediume que a levásemos a ver unha película. No fondo do mar non hai cines, e a ela, que se chamaba Sofía Loren, gustáballe moito o cine. —E trouxéchela ao cine? —Esperamos a que se fixese de noite para que ninguén nos vise e viñemos ao cine. Púxenlle unha película titulada Escola de sereas dunha actriz moi guapa chamada Esther Williams. Despois de ver a película levámola ao mar e xa non a volvemos ver máis. —Que mala sorte! —Non te preocupes. Ensinoume algo moi importante: como se fan as colas de sereas. —Entón podes facer a que necesito! O Pulga mostroume os sacos nos que veñen os rolos das películas e díxome que con eles podía facerse unha cola de serea, pero que xa ma faría máis tarde; agora tiñamos que poñer a película.
Xosé Henrique Rivadulla: Amar unha serea, ed. Galaxia.

 Neste fragmento crúzanse dúas historias: a de Barucho e o Pulga .
Cal é a outra?

Substitúe por sinónimos o destacado:
– Barucho quería ser mozo de Almudena.
– Trataba dunha serea á que lle gustaba moito o cine. Foi estupendo.
 – Un golpe de mar bateu contra o costado de babor.
– Ocorréuseme largar as nasas.
Se cadra, a serea quería un flan.


Onde ocorre esta historia?
Copia o fragmento do texto onde se indica.
Cando sucede a historia da serea?  Na actualidade. Hai bastantes anos. No futuro.
Os personaxes. Escribe o nome propio destes personaxes:
a) Pon as películas no cine.
b) Era unha serea.
c) Era nova na escola.
d) Está namorado de Almudena.
e) Actriz de Escola de sereas.
f) Era o avó de Barucho.

Ningún comentario:

Publicar un comentario