PALABRAS DE AUGA
Amadou descubrira
aquela gran mancha branca erguéndose sobre os outeiros un día en que regresaba
ao poboado con Numba e Suki de coller auga no manancial. Aínda lembraba ben
aquelas xornadas. Sempre se demoraban un chisco tomando un baño na poza que se
formaba ao seu pé e mergullábanse dende unha árbore próxima. Numba fartárase a
darlles caladas, mais tamén lles aprendera a nadar. Agora sería imposible. O
manancial cada vez botaba menos auga e onde antes se bañaban había lameira.
—Mirade! —exclamou Amadou sinalando cara ao norte. —Boh! É só unha nube —dixo
Numba que era o maior dos tres. —Éche ben rara —comentou Suki espelido. Os tres
ficaron chantados no camiño ollando cara á estraña nube. Podía tratarse só
dunha ousada que tentaba tocar a terra, pero axiña se decataron do seu erro. A
nube mudara de cor nun intre: pasou de ser branca a cinsenta coma o remol*
dunha fogueira. Devagar cubriu todo o que a súa vista alcanzaba. E non era unha
treboada, oxalá o fose! Cheos de medo, carrexando as cántaras ás costas,
correron todo o que puideron para chegar canto antes ao boma* e dar a voz de
alarma. Cando entraron no poboado, asustáronse ao ver que estaba baleiro.
Decontado se tranquilizaron ao descubriren aos membros do clan fóra do circo de
matogueiras espiñentas que rodeaban as chozas. Todos ollaban ao lonxe, cara ao
norte. O boma do clan dos Wakati estaba formado por dous círculos de espiños un
dentro do outro. No exterior, ficaban as chozas, non máis dunha ducia, nas que
vivía cada familia. No interior, os currais para o gando, algunha vaca e un
lote de cabras. Os animais eran as súas posesións máis prezadas e a garantía do
seu sustento ante a seca. Os rapaces pousaron as cántaras e foron xuntarse con
eles con Mkebe á cabeza; nenos e maiores ficaban engaiolados ollando ao
horizonte. O fume case o cubrira por completo escurecendo incluso o atardecer
co seu mantelo de negror. A maioría dos rostros mostraban arrepío. Jala, a nai
de Amadou e Numba, descubriunos e foi cara a eles con xesto de preocupación.
—Que susto me destes! —Que é iso? —preguntou Amadou. —Non o sei, ao comezo
semellaba unha treboada a formarse sobre as montañas... —Pero non é tempada de
choivas —dixo Amadou. —Quen nos dera! —laiouse ela. —Non fuxiremos outra vez?
—preguntou Amadou. —Os homes están a falar con Mkebe sobre que facer. —O fume,
como os tambores de guerra, só trae fame —sentenciou Mkebe con solemnidade.
Marcos
Calveiro: Palabras de auga, Edicións Xerais.
Tendo en conta os nomes e os debuxos da
lectura, onde cres que ten lugar?
A
historia comeza cando Amadou e os seus amigos descobren algo estraño; Que
viron?
De que cor era ao principio?
E de que cor se volveu despois?
Relaciona cada palabra oa súa definición:
Clan, xamán, treboada, poboado
a) Lugar onde viven agrupadas un conxunto de
persoas.
b) Grupo
formado por varias familias con antepasados comúns e que obedecen a un xefe.
c) Feiticeiro ao que se lle atribúen poderes
sobrenaturais e que coñece as propiedades dos elementos da natureza.
d) Chuvia intensa e súbita que pode ir
acompañada de vento.
Relaciona cada personaxe cunha frase:
a) Nome do clan.
b) Xamán da tribo.
c) O maior dos nenos.
d) Nome do outro rapaz.
e) Irmán de Amadou.
f) Nai
dos dous neno
Suki, Mkebe, Jala, Amadou, Numba, Wakati
Ningún comentario:
Publicar un comentario